Coordinación dos asuntos

Neste mandato, no que a Defensora del Pueblo é Soledad Becerril, a Xunta de Coordinación e Réxime Interior designou a Adxunta Segunda, Concepció Ferrer, como a persoa encargada da coordinación do traballo das distintas áreas sobre dereitos dos nenos, co obxectivo de mellor amparalos e defendelos. A Defensora e os Adxuntos non traballan sós. Un equipo de persoas axúdalles.

Esta organización do traballo permitiu cumprir coas recomendacións do Comité de Dereitos do Neno. O Comité considera que os Estados Partes ao ratificar a Convención de Dereitos do Neno comprométense a establecer unha Institución Nacional de Dereitos Humanos (INDH) que promocione e protexa os dereitos dos nenos, de acordo cos principios de previsión constitucional, independencia, mandato amplo, composición plural, recursos suficientes e accesibilidade para as persoas que sufran ou poidan sufrir violacións dos seus dereitos (Observación Xeral nº 2, de novembro de 2002).

O Comité de Dereitos do Neno insiste ademais en que a INDH debe vixiar, promover e protexer os dereitos do neno con independencia e eficacia. As funcións de promoción e protección dos dereitos do neno deben formar parte das súas actividades principais. Tamén recomenda que a súa estrutura inclúa un comisionado especializado ou unha sección ou división específica que se encargue dos dereitos do neno e que se dea visibilidade ás súas actuacións a favor destes dereitos.

No ano 2000 o Defensor del Pueblo foi recoñecido polas Nacións Unidas como Institución Nacional de Dereitos Humanos (INDH) que cumpre plenamente cos principios que se requiren para promover e protexer os dereitos humanos, o que inclúe promover e protexer os dereitos recoñecidos na Convención de Dereitos do Neno e dar visibilidade aos traballos realizados en cumprimento deste mandato.