Que son os dereitos fundamentais

Dereitos fundamentais

Dereitos humanos son aqueles inherentes a todas as persoas sen discriminación polas súas condicións persoais, sociais, económicas, etc. Así, a Constitución española de 1978 fala da existencia de «dereitos inviolábeis que son inherentes» ás persoas (artigo 10, un dos preceptos máis importantes da Constitución). Os dereitos humanos baséanse na dignidade da persoa, que, xunto co libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos demais, forma o fundamento da orde política e da paz social que se deu en España segundo a súa Constitución.

Entre os fundamentos desta orde política establecida constitucionalmente están estes dereitos da persoa, que son dereitos inviolábeis e enténdense como mínimo indispensábel para recoñecer a dignidade humana. Os dereitos humanos garanten un eido propio de autonomía e autodecisión, o que equivale ao recoñecemento dunha esfera propia de cada individuo, na que non se deben inmiscir instancias alleas a el e que debe ser respectada polos poderes do Estado.

Orixinalmente, algúns filósofos como John Locke, Jean-Jacques Rousseau ou Thomas Paine sostiveron que hai determinados dereitos da persoa que non dependen do seu recoñecemento en contratos ou normas xurídicas, senón que son consubstanciais á propia natureza humana e que, polo tanto, son atribuíbeis de xeito universal a todos. A ulterior inclusión destes dereitos da persoa nos textos constitucionais tivo unha consecuencia inmediata: a transformación duns principios filosóficos en mandatos xurídicos, é dicir, a conversión dos dereitos humanos en dereitos fundamentais.

Os dereitos fundamentais forman un conxunto básico ao que han de axustarse sempre as relacións entre persoas ou entre grupos de persoas e entre estas e os poderes públicos. Non pode haber unha vida digna sen dereitos básicos, os que a cidadanía considera inherentes á común condición de seres humanos.

Cómpre sinalarmos que a propia noción de dereitos fundamentais emprégase nun dobre sentido: nun sentido amplo e tecnicamente menos preciso, refírese a todos os dereitos que están recollidos no Título I da Constitución; nun sentido máis estrito e xuridicamente máis preciso, esta denominación resérvase para algúns dereitos constitucionais que a norma fundamental considera o núcleo central do status xurídico do individuo e que están incluídos nunha determinada sección do Título I, denominada «dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas».

Os dereitos humanos ou os dereitos fundamentais son universais, incompatíbeis coa superioridade dunha persoa, un pobo, un grupo ou unha clase social. O seu recoñecemento non depende de factores como a raza, o sexo, a relixión, a opinión, a nacionalidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. En tanto que inherentes á persoa, son irrevogábeis e non son negociábeis (non poden «venderse») nin renunciábeis. Legalmente recoñécense no Título I da Constitución, pero tamén en tratados internacionais e nas constitucións dos demais estados.