A función do Defensor

A función do Defensor

Os dereitos fundamentais non serían efectivos se non houber garantías. Por iso, a Constitución e as leis dispoñen todo un sistema de controis que permite prever, evitar ou rectificar os casos e situacións en que un dereito se ve en risco ou perda.

A primeira garantía é a chamada reserva de lei: só por lei se pode regular o exercicio dos dereitos e liberdades, lei que, ademais e en todo caso, debe respectar o seu contido esencial. Outras garantías especiais son a tutela xudicial, incluso no caso dalgúns dereitos de carácter preferente e sumario, así como o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.

O Defensor del Pueblo configúrase como unha garantía institucional dos dereitos constitucionais. O Defensor del Pueblo é un alto comisionado das Cortes Xerais, é dicir, que recibe destas un encargo e é designado por elas para protexer e defender os dereitos dos cidadáns recoñecidos no texto constitucional (artigo 54 da Constitución).

Entre as súas funcións destaca a de supervisar a actividade de todas as administracións públicas (ministerios, consellerías das comunidades autónomas, concellos, etc.). A súa supervisión abrangue tamén a actividade das empresas públicas e dos axentes ou colaboradores das administracións cando realizan fins ou servizos públicos.

En 1981, as Cortes Xerais aprobaron a Lei Orgánica 3/1981, de 6 de abril, do Defensor del Pueblo e a institución comezou a súa actividade o 28 de decembro de 1982, tras ser elixido o seu primeiro titular.

Calquera cidadán español ou estranxeiro, persoa física ou xurídica, sexa cal sexa a súa idade ou situación legal en España, pode acudir ao Defensor del Pueblo, individual ou colectivamente, presentando unha queixa se considera que as administracións públicas españolas vulneraron os dereitos recoñecidos na Constitución.

Ademais de presentaren as súas queixas, os cidadáns poden solicitar ao Defensor del Pueblo que interpoña un recurso de inconstitucionalidade ou un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, nos casos e cos requisitos previstos pola lei.

Se ao Defensor del Pueblo non lle compete a investigación dunha queixa, comunica ao cidadán por carta o motivo ou as causas, aínda que sempre que é posíbel tenta orientalo sobre as vías alternativas ás que pode acudir.

Unha vez admitida a trámite a queixa, o Defensor del Pueblo ponse en contacto coa Administración involucrada para obter información sobre o caso. Durante todo o proceso, mantén informado ao cidadán verbo da investigación e das respostas recibidas da Administración. Finalizada a investigación, comunica ao interesado as conclusións.

O Defensor del Pueblo non pode modificar ou anular os actos e as resolucións das administracións públicas nin lles pode dar ordes, pero se conclúe que se vulneraron os dereitos constitucionais, entón pode suxerir ou recomendar a calquera Administración que tome medidas para paliar ou corrixir a situación. Se, como consecuencia das súas investigacións, o Defensor del Pueblo se convence de que a aplicación rigorosa dunha norma pode conducir a situacións inxustas, entón pode pedir a modificación da norma.

O Defensor del Pueblo non pode intervir se un xuíz ou un tribunal está xa a xulgar ou xulgou a cuestión presentada nunha queixa. A causa desta limitación é o respecto ao Poder Xudicial, posto que, unha vez sometido un asunto ao seu control, correspóndelle en exclusiva xulgar e facer executar o xulgado. Do mesmo xeito, a discrepancia coas resolucións xudiciais debe presentarse ante os propios xulgados e tribunais polas vías previstas nas leis procesais, sen que caiba tampouco neste caso intervención do Defensor del Pueblo.

Por outra banda, o Defensor del Pueblo tamén pode actuar de oficio, é dicir, sen necesidade de queixa cidadá previa. Todos os anos elabora un informe sobre a súa actividade que debe presentar ás Cortes Xerais, así como informes monográficos sobre cuestións concretas relativas ao exercicio dos dereitos constitucionais. Noutros apartados da web hai descricións máis completas das súas funcións. O Defensor del Pueblo, ademais do alto comisionado das Cortes Xerais para a defensa dos dereitos constitucionais, é tamén oficialmente en España a Institución Nacional de Dereitos Humanos (INDH).

As institucións nacionais de dereitos humanos son órganos que teñen como finalidade protexer e promover estes dereitos nun país determinado. Han cumprir as normas establecidas polos chamados Principios de París e han ser recoñecidas polas Nacións Unidas en tanto que INDH.

Os Principios de París están contidos nun documento definido na capital francesa en outubro de 1991; foron adoptados pola Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas en 1992 e pola súa Asemblea Xeral en 1993. Consisten nas esixencias xerais das INDH, é dicir, esixencias sobre a súa competencia e responsabilidades, sobre a súa composición e garantías de independencia e de pluralismo e sobre os métodos de funcionamento, con outros principios adicionais.

Para a acreditación ante as Nacións Unidas de que un organismo nacional queda designado como INDH, debe cumprir os Principios de París.

O Defensor del Pueblo en España ten recoñecido polas Nacións Unidas o carácter de Institución Nacional de Dereitos Humanos.

Verbo das institucións nacionais de dereitos humanos e os Principios de París, pódense consultar os seguintes enderezos web:

Institucións Nacionais de Dereitos Humanos
Os principios de París
Institucións de Dereitos Humanos no mundo