En defensa dos dereitos
O Defensor del Pueblo é unha garantía institucional dos dereitos fundamentais de todos, tamén dos nenos e adolescentes. O seu obxectivo é que os dereitos da infancia e adolescencia que contempla a nosa Constitución e a Convención de Dereitos do Neno sexan unha realidade en España.
Neste eido, a nosa función principal consiste en atender as queixas que expoñen os nenos ou os adultos sobre actuacións incorrectas ou irregulares das administracións, institucións e autoridades públicas nas que se vexan afectados os dereitos dos nenos ou adolescentes.
Recibimos estas queixas por calquera dos medios habilitados: Formulario web (require DNI/NIF/CIF/NIE), correo electrónico (non require DNI/NIF/CIF/NIE), correo postal, fax e tamén persoalmente na sala de visitas (C/ Zurbano 42, Madrid 28010).
No caso de concluír, trala investigación da queixa, que a actuación foi incorrecta, o Defensor del Pueblo emite unha resolución recomendando á administración responsábel que modifique a súa actuación ou que adopte medidas para evitar que ditas actuacións volvan producirse. As resolucións poden ser Recomendacións, Suxestións ou Recordatorios de Deberes Legais.
As resolucións de maior relevancia no eido dos dereitos dos nenos e adolescentes pódense atopar na pestana titulada “Recomendacións, suxestións e outras actuacións relevantes”.
A Institución do Defensor del Pueblo tamén actúa por iniciativa propia se coñece feitos ou actuacións nos que poden estar producíndose vulneracións dos dereitos humanos. Son as denominadas “actuacións de oficio”. No marco destas actuacións, formúlanse tamén Recomendacións e Suxestións ás Administracións públicas.
Así mesmo, o Defensor del Pueblo realiza visitas a centros ou servizos que atenden a nenos e adolescentes xa sexa no eido da saúde, a educación, a protección, etc.
Cada ano, o Defensor del Pueblo envía un informe ás Cortes Xerais no que dá conta da súa actividade e relata as irregularidades máis graves e relevantes en relación cos dereitos fundamentais que cometen as Administracións públicas. Use a ligazón de informes anuais para consultalos.
Outra actividade do Defensor consiste na elaboración de informes e estudos monográficos sobre situacións nas que estima que hai dereitos humanos en risco. Tamén o fai cando se trata de dereitos dos nenos e adolescentes. Os informes e estudos monográficos relativos aos dereitos do neno poden consultarse na pestana Informes e Estudos Monográficos sobre dereitos dos nenos e adolescentes.