Cales son os dereitos e deberes fundamentais considerados na Constitución

Considerados na Constitución

O Preámbulo da Constitución Española iníciase coas seguintes declaracións:

O desexo da Nación española de establecer a xustiza, a liberdade e a seguridade e promover o ben de cantos a integran.

A proclamación da vontade de garantir a convivencia democrática e das leis conforme a unha orde económica e social xusta; de protexer os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, linguas e institucións; de promover o progreso da cultura e da economía para asegurar unha digna calidade de vida; e de establecer unha sociedade democrática avanzada.

España está constituída como un Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político (artigo 1º da Constitución).

Ademais dos anteriores, outro piar do sistema de dereitos está nos mandatos do artigo 9º da Constitución:

Subxección xeral de todos á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico.

Tres mandatos especiais aos poderes públicos:

  • de promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas;
  • de removeren os atrancos que impidan ou dificulten a plenitude da liberdade e da igualdade;
  • de facilitaren a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.

Un último piar atópase no nuclear artigo 10, xa no Título I, Dos dereitos e deberes fundamentais.

Da estrutura deste título dedúcese que os dereitos fundamentais están clasificados en varias categorías:

  • CAPÍTULO PRIMEIRO – Dos españois e os estranxeiros (artigos 11 a 13)
  • CAPÍTULO SEGUNDO – Dereitos e liberdades
    • Artigo 14 – Igualdade ante a lei
    • Sección 1ª – Dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas (artigos 15 a 29)
    • Sección 2ª – Dos dereitos e deberes dos cidadáns (artigos 30 a 38)
  • CAPÍTULO TERCEIRO – Dos principios reitores da política social e económica (artigos 39 a 52)
  • CAPÍTULO CUARTO – Das garantías das liberdades e dereitos fundamentais (artigos 53 e 54)
  • CAPÍTULO QUINTO – Da suspensión dos dereitos e liberdades (artigo 55): só en situacións excepcionais, por declaración do estado de excepción ou de sitio (guerra).

Canto ás garantías, temos primeiro que o artigo 53 distingue:

  • Os dereitos con tutela especial: só a igualdade e os recoñecidos na Sección Primeira do Capítulo Segundo, ben ante os tribunais ordinarios por un procedemento preferente e sumario, ben eventualmente mediante recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional; esta tutela especial é aplicábel tamén á obxección de conciencia (artigo 30). Ademais, estes dereitos só poden ser desenvolvidos por lei orgánica;
  • Todos os dereitos e liberdades recoñecidos no Capítulo Segundo: vencellan todos os poderes públicos; pode regularse o seu exercicio só por lei, que en todo caso debe respectar o seu contido esencial, ou do contrario a lei poderá ser anulada polo Tribunal Constitucional;
  • Os dereitos do Capítulo Terceiro: só poden ser alegados ante a xurisdición ordinaria de acordo co que dispoñen as leis que os desenvolven.
    Outra garantía principal, non xudicial, é a do artigo 54: o Defensor del Pueblo, regulado pola Lei Orgánica 3/1981, de 6 de abril.