Por que está intervindo o Defensor del Pueblo?
O Congreso dos Deputados formulou unha encomenda para que se elabore un informe sobre os casos de abusos sexuais no ámbito da Igrexa católica en España e o papel dos poderes públicos. Ademais, trabállase en coherencia co labor desta institución no ámbito da defensa e protección dos dereitos humanos.
Cales son os obxectivos do informe do Defensor del Pueblo?
A través da escoita vai estudar cada caso de forma individual para coñecer o sucedido e solicitar propostas, suxerir medidas, recomendar cambios normativos ou doutro tipo e contribuír á determinación de responsabilidades e á reparación das vítimas. Preténdese así escoitar a voz das vítimas e avanzar en modificacións que impidan que estas situacións volvan ocorrer.
Por que sería conveniente que as vítimas e os sobreviventes contactaran con nós?
O silencio imperou neste tema durante moitos anos e sabemos que falar do sucedido é unha forma de reparación importante. Abrimos, por tanto, un proceso de escoita activa para situar as vítimas e todo o que teñan que dicir no centro do traballo. Vítimas e sobreviventes son o eixo fundamental da nosa actuación, tanto se se dirixen ao Defensor del Pueblo de forma individual coma se o fan de forma organizada, mediante asociacións que xa veñen traballando neste ámbito.
Quen son os que van falar directamente coas vítimas?
Un equipo profesional de expertos con experiencia e formados especificamente para este traballo, salvagardando a confidencialidade dos relatos e, por suposto, das persoas que queiran participar.
Como se vai falar coas vítimas?
Con respecto, confidencialidade, con adaptación ás súas necesidades (de forma presencial ou virtual) mediante unha escoita activa e individualizada. Con completa liberdade e asegurando o seu anonimato. As vítimas que o desexen poderán vir acompañadas ou, se é o caso, buscarase a forma máis axeitada para propiciar esta conversa.
Que se vai facer cos seus testemuños?
O testemuño de cada vítima ten sentido en por si, non é un simple medio para un informe. Por este motivo solicítase o seu permiso para que os relatos que se acheguen formen parte do proceso da investigación. Os testemuños serán analizados dunha forma conxunta, sen prexuízo da atención personalizada que recibirán as vítimas. Os relatos terán un valor lexítimo, pedagóxico e de investigación no futuro. Os testemuños serán a base para unha boa parte das propostas que se fagan públicas no informe.
Cando estará rematado o traballo?
A previsión é que nun ano se poida facer público un primeiro balance dos resultados, sen prexuízo de que a investigación prosiga.